Friday 03 de May de 2024

Augas de Galicia acomete obras de mellora no encoro sobre o río Tambre na área recreativa da Presa (Frades)


O alcalde explica que os traballos consisten “no reforzo da estrutura da presa e a retirada de árbores e ramas caídas na contorna” e destaca a boa disposición da Xunta a asinar “un convenio para a cesión da presa”

Augas de Galicia está a acometer obras de mellora no encoro sobre o río Tambre ao seu paso pola área recreativa da Presa, na parroquia de Gafoi (Frades). Unhas actuacións de conservación fluvial no Dominio Público Hidráulico da Demarcación Hidrográfica de Galicia Costa consistentes “no reforzo da estrutura do encoro da Presa mediante a recolocación de pedras con morteiro, así como na retirada da biomasa, árbores e ramas caídas na contorna”, explica o alcalde de Frades, Roberto Rey.

Unha iniciativa que se desenvolve ao longo dun tramo de 151 metros do río Tambre e para o que Augas de Galicia está a empregar motoserras, rozadoras, ferramentas manuais, un camión e un minidumper. Deste xeito, Augas de Galicia dá resposta a unha solicitude presentada polo Concello de Frades á Consellería de Infraestruturas e Mobilidade e á propia Augas de Galicia solicitando o arranxo da presa.

Cesión da presa

“O encoro que cruza o río Tambre nas proximidades de Ponte Carreira estaba moi deteriorado e precisaba dunha serie de arranxos urxentes para que non termine por desaparecer por completo”, sinala Roberto Rey, quen lembra que “daquela solicitamos tamén que se cedera a concesión desa presa ao Concello de Frades e, despois dunha visita de técnicos da Xunta e de Augas de Galicia, acordouse a urxente reparación do muro e elaborar un convenio de colaboración para a cesión da presa ao Concello”.

Deste xeito, cumprirase a iniciativa do Grupo de Goberno, apoiada no Pleno do pasado mes de marzo polos tres grupos municipais, de que a cesión da presa ten que chegar despois do arranxo da infraestrutura por parte de Augas de Galicia. “A nosa intención é que os veciños e veciñas de Frades poidan desfrutar desta área recreativa nas mellores condicións posibles”, apunta Rey Martínez.